Mar 09

Para ver a imaxe en tamaño completo, click nela!

Feb 24

Hoxe, ás 20h no Centro Social Atreu da Coruña (ver mapa), terei o pracer de participar nunha mesa-redonda xunto a Xosé Manuel Pereiro (blogtwitter) e Roberto Brenlla (blogtwitter). Agradézolle á xente da RDS e de Atreu o convite e espero encontrarvos alí para discutirmos algúns dos asuntos máis apasionantes que están a ocorrer no mundo: os procesos de desintermediación informativa, cultural e política; a crise das organizacións sociais e das institucións representativas; ou a emerxencia de novos suxeitos políticos colectivos e de novos modos de reprodución social.

Este é o cartaz do evento (para ampliar, click!).

Feb 23

Hai xente que ten claro o seu papel, e hai xente que non. Na política internacional, o mellor exemplo de quen si sabe o que se xoga é o Goberno americano, que, consciente de que nada do que acontece no mundo é alleo aos seus intereses, sempre sae á palestra e define unha posición. Os seus aliados reaccionan, invariablemente, alineándose -por activa ou por pasiva- cos postulados da Casa Branca.

Salvando as distancias, algo semellante ocorre no nacionalismo galego: a UPG marca a súa posición e os demais, compartíndoa ou non, deixan facer e limítanse ao papel de confrades. O máis grave é que este perverso laisser faire se constata mesmo cando tal posición resulta inaceptable, como é o caso da análise sobre a onda de movementos populares democratizadores que está a ocorrer no Magreb e no Oriente Medio. Só así se explica que desde os demais sectores do BNG non se teña producido unha soa manifestación pública sobre un asunto de tal transcendencia.

*   *   *   *   *

Comentario do artigo de Duarte Correa “Marea de liberdade ou explosión controlada en Exipto?”

Non me deterei en discutir se o que se produciu no Exipto foi unha explosión ou unha implosión, xa que o autor dá motivos ben máis substanciosos para a análise. Enumero as citas textuais máis interesantes e coméntoas unha por unha:

  1. A carestía da vida foi a espoleta pero neste momento o pobo xa reivindica a democratización de todos estes países, ou cando menos iso é o que nos transmiten os medios de información occidentais.
    O autor, en vez de congratularse pola emerxencia de procesos democráticos desde a base, pon en dúbida a súa existencia, insinuando un interese da grande imprensa ocidental en darlle ese cariz ás protestas. Ignoro se considera Al Jazeera un medio ao servizo do imperio ou se pensa que as imaxes das multitudes reclamando benestar e liberdade na praza Tahrir non pasan dunha montaxe.
    Porén, o que si teño claro é que botar a culpa aos medios de comunicación ocidentais é o recurso fácil. Na torta visión do señor Correa, a responsabilidade non é dos gobernos que declaran o bloqueo das comunicacións, senón dos medios que o rompen para informar. Sen criticar o primeiro -e isto vale para o Exipto pero tamén, poñamos por caso, para Cuba- carece completamente de lexitimidade para cuestionar a orientación das informacións que os medios divulgan. Polo demais, constitúe unha nova conta dese interminable rosario de torpezas que o nacionalismo galego leva coleccionando nas súas relacións coa imprensa desde hai décadas. É claro que resulta máis fácil reclamar do tratamento dos medios que facer autocrítica e determinar en que medida iso é consecuencia das propias actitudes.
  2. Non desvalorizando o papel da internet e das redes socias na publicitación externa das loitas e na posibilidade de favorecer a extensión das mesmas, hai que fuxir do papanatismo tan de moda actualmente que só busca aumentar o individualismo facéndonos crer que podemos e debemos prescindir das organizacións, dado que supostamente as novas tecnoloxías permítennos transformar o mundo e poñer en marcha unha revolución desde o sofá da nosa propia casa. Como me dicía hai uns días un compañeiro “…algúns pensan que con clicar eu vou nunha desas quedadas que tanto abundan nas redes socias xa fixeron a súa grande aportación ao futuro da humanidade”.
    Neste punto, resulta deveras complicado discernir se é maior a nesciencia ou a soberba do autor. Son tantas as camadas de interesadas confusións que neste parágrafo se sintetizan que resultaría demasiado prolixo estenderse sobre cada unha delas. Limitareime, pois, a identitificalas: (i) restrinxir a concepción das redes sociais a meros instrumentos de propaganda e proselitismo significa non entender nada sobre elas nin sobre as repercusións sociais, culturais, económicas e políticas dun dos fenómenos en curso máis importantes na nosa sociedade; (ii) condenar o individualismo de maneira xenérica é unha barbaridade filosófica e política de primeira orde, e aos últimos douscentos cincuenta anos da historia das ideas remítome; (iii) confundir os procesos de desintermediación que as novas tecnoloxías están alavancando cun individualismo pequenoburgués progregoísta denota un profundo medo, que no fondo é o mesmo resorte que está por detrás das reaccións defensivas protagonizadas polas grandes corporacións da industria cultural (Lei Sinde) e polos gobernos do centro do sistema (WikiLeaks); e (iv) ignorar que as organizacións están obrigadas a evoluíren no novo escenario de desintermediación, adoptando novas formas e redefinindo os seus roles, conduce irremisiblemente a que esas organizacións interpoñan diques que as fan impermeables aos movementos máis progresistas que se producen no corpo social, acentuando dese xeito o seu isolamento e a súa obsolescencia, nunha espiral de crecente prescindibilidade.
  3. A comprobación de que as novas tecnoloxías e o ciber-activismo non o son todo vese nas importantes mobilizacións realizadas nos últimos meses contra as medidas regresivas adoptadas polos gobernos en Grecia, Portugal, Franza, Irlanda ou Galiza, sendo nestes países europeos moito maior o acceso e  popularización das novas tecnoloxías que en África non se produciu o efecto contaxio e non xurdiron mobilizacións espontáneas; foi unha vez máis o traballo de organización, informativo e mobilizador o que deu quitado adiante as protestas, co apoio nas novas tecnoloxías pero sen que estas pasaran a ser o instrumento fundamental.
    Chaman a atencións catro aspectos: (i) que se ignore o máis exitoso proceso redemocratizador de Europa, que está a ocorrer na Islandia, e só se mencionen aqueles cun marcado protagonismo de partidos comunistas, coa única excepción da Irlanda; (ii) que se poña á mesma altura unha folga xeral puntual, como a ocorrida en Galiza, con procesos de protestas masivos e continuados no tempo, co obvio obxectivo de reclamar medallas que non se gañaron; (iii) que se mostre semellante grao de descoñecemento sobre os mecanismos sociais: a sociedade civil dos países árabes recorreu ás redes sociais porque atinxira un nivel de maturidade que non tiña correspondencia co nivel de organización socio-política nin de transparencia informativa, polo que facer unha comparación mecánica con estruturas sociais diferentes é absurdo, ademais de moi pouco ortodoxo na teoría marxista; e (iv) que se ignoren as leccións de Lenin, que deixou claramente escrito que as revolucións non as fai o partido senón o pobo, correspondéndolle ao partido darlles a orientación política que posibilite a instauración de novos modos de relacións sociais, xa que semella que na versión do camarada Correa a revolución será convocada polo Comité Central cunha orde do día previamente establecida e aos comúns mortais non nos asistirá nin sequera o dereito de intervir nos rogos e preguntas.
  4. Mohamed El Baradei  non deixa de ser un home do sistema que leva máis de 30 anos no estranxeiro e ao que até hai pouco apenas se lle coñecía participación activa na loita pola democratización do seu pobo.
    E se deixamos que iso o decidan os exipcios libre e democraticamente? E se relativizamos iso de se ser “un home do sistema”, sobre todo vindo de alguén que xa non se lembra da última vez que traballou fóra da política institucional?

Con todo, a proba-do-nove para o BNG non foi o ocorrido na Tunisia e no Exipto, senón o que está a ocorrer en Libia. E é que, durante moito tempo, Gadaffi foi louvado como un dos heroes do anti-imperialismo, seguindo aquela máxima segundo a cal o inimigo do meu inimigo é o meu amigo… aínda que sexa un tirano autoritario, sanguinario e demente. Ou sexa, posicionarse abertamente contra Gadaffi -que, ao que parece, leva unhas 10.000 mortes nas súas costas nas últimas horas- obrigaría a redeseñar o mapa do anti-imperialismo e a riscar algunhas liñas dos textos sagrados, e non é esa unha actitude fácil para un partido como a UPG, acostumado a pontificar pero non a rectificar, e moito menos a facelo publicamente. Ademais, as reaccións de Fidel, Ortega ou Chávez é claramente indicativa do inmenso desconcerto no que están inmersos os referentes internacionais favoritos do autodenominado partido vangarda.

*   *   *   *   *

Inopia inopinante

Despois de publicar a primeira parte deste post, un dirixente de +G escribiume recoñecendo a torpeza cometida ao non facer declaracións públicas sobre este asunto e indicándome que si fora tratado internamente. Fico moito máis tranquilo ao comprobar que os dirixentes de +G viven no mundo, aínda que continúo sen comprender que unha organización política garde para si mesma as posicións sobre temas de interese para o conxunto da cidadanía.

A realidade é que +G xa non existe, por decisión propia. Prega a apertura cara afora, pero pechouse sobre si mesma ao renunciar a un debate estratéxico, ao desistir de conformar unha alternativa crible e ao limitarse a actuar en clave puramente municipal, cando o que os alcaldes pretendían era precisamente teren unha estrutura nacional ampla e eficiente sobre a que poderen influír pero que ao mesmo tempo os inserise nun proxecto con futuro. E así, entretida en organizar xornadas para consumo interno co único obxectivo de deter a sangría de apoios e manter a ficción de cohesión, non lle resta tempo para facer calquera política que ultrapase o ámbito das institucións onde os seus cargos teñen presenza.

Mentres tanto, o Encontro Irmandiño estaba demasiado preocupado celebrando a súa propia asemblea, na cal se teorizou sobre as relacións entre os movementos sociais e a esquerda partidaria, ben como sobre as novas formas de revolución e sobre o marabilloso que era o BNG mentres Beiras posuía o 49% das accións, antes da OPA hostil culminada en 2002. Todo demasiado belo e perfecto como para estragalo ocupándose de entender revolucións reais, cheas de complexidade e de contradiccións e, para ser sinceros, sentidas como distantes. O máis rechamante é que toda a atención prestada ao Foro Social Mundial recentemente celebrado en Dakar poida convivir coa absoluta indiferenza a respecto do que ocorre na fronteira sul de Europa.

Ocorre que, no fondo, tanto +G como o EI están pendentes dun mesmo evento e manteñen en suspenso todas as súas iniciativas políticas até que se produza. Tal evento non é nin máis nin menos que a próxima Asemblea Nacional do BNG. +G está centrada en obter os mellores resultados electorais posibles para conseguir conxugar os seus tres propósitos esenciais: evitar que un eventual fracaso acentúe as diverxencias internas; manter unida a base de apoio actual; e chegar ao proceso asemblear en condicións de propor un pacto honorable. Non moi outras son as pretensións do EI, que, desprovisto do poder-de-fogo municipal de +Galiza, utiliza (e utilizará con máis forza despois do 22-M) a presión como único recurso para satisfacer a súa aspiración de facerse cun lugar ao sol na nova configuración do BNG e, se non o consegue, dar as cartas do proceso de reconfiguración da esquerda social fóra del.

Do MGS e mais dos diferentes colectivos que conviven en Galiza Nova, non vale a pena nin falar máis do que unhas liñas: o MGS e a súa sección xuvenil Isca fan o traballo que a UPG lles terceiriza, reciben o pagamento en forma de liberacións sindicais e manteñen a autoestima revolucionaria con proclamas sobre Euskal Herria ou América Latina; a MNG, mentres tanto, alterna boas iniciativas -sempre cunha certa dose de oportunismo e de impostura- coa perenne sensación de autosatisfacción por se teren coñecido que os seus membros transmiten; e a UMG, decididamente, non existe para a política.

*   *   *   *   *

O próximo luns, como é costume, celebrarase a reunión semanal da Executiva Nacional do BNG. Será a enésima -e tamén a derradeira- oportunidade para emitir un posicionamento claro, e non meramente burocrático, sobre a onda de revolucións populares que está mudando -aínda non sabemos exactamente como, pero en calquera caso de maneira profunda- unha boa parte da face do noso mundo. Se os mesmos que se negaron a censurar o xenocidio bosnio ás mans das tropas serbias, a matanza de Tiananmen ou a persecución ao pobo iugur, novamente gardan silencio por seren os verdugos quen son, daquela xa sabemos o que deles se pode esperar. A min, como ex militante, non me cabe outra responsabilidade que a de permanecer atento: fareino e, como cidadán e como elector, actuarei en consecuencia.