Mar 09

Para ver a imaxe en tamaño completo, click nela!

Xan 18

Á altura de marzo de 2009, cun PSdeG que mostrou unha resistencia electoral maior que a do BNG e un PSE-EE en ascenso, resultaba aventurado imaxinar o proceso de descomposición no cal está hoxe inmerso o PSOE. De feito, o BNG negouse durante moito tempo a aceptar que a viraxe do Goberno español do PSOE cara á dereita non era flor dun día, senón un pregamento en toda a regra diante dos grandes poderes económicos: de aí o apoio aos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010 recén concluído, escenificado xa coas primeiras mostras dun incipiente distanciamento do BNG a respecto de Zapatero, de quen fora o socio máis manso e fiel; de aí, tamén, a demora da CIG en facer un chamamento á folga xeral, que finalmente só foi convocada en setembro e de modo conxunto con CCOO e UXT aínda que con mobilizacións por separado, nun adianto da nova estratexia que está prestes a consagrarse o próximo 27 de xaneiro.

Porén, aínda que demasiado tarde como para non contaminarse da sensación social de complicidade coa deriva de Zapatero, o BNG soubo rectificar: dedicou o ano 2010 -especialmente, a segunda metade- a realizar un desmarque radical a respecto do PSOE, concentrando a súa artillaría nese flanco e ignorando o papel de oposición a un PPdeG que dispón de armas o suficientemente poderosas como para contraatacar de maneira fulminante. Cun Zapatero en caída libre e que xa non dispón de máis recursos que a autoinmolación, e nunha situación interna do BNG caracterizada pola inestabilidade, a directriz de centrar a acción política no ámbito sindical compatibilizaba perfectamente os dous eixos de interese do grupo dominante na frente: por un lado, o reforzo da CIG como organización dirixente do nacionalismo; polo outro, a consolidación da maioría da UPG no seo do BNG e do seu papel de dirección política incontestada.

Nese sentido, a convocatoria de folga xeral para o día 27 de xaneiro é un acerto en toda regra, unha desas xogadas en que o xadrecista encontra o movemento que lle dá unha vantaxe definitiva. Por un lado, a folga xeral é unha obrigación política e mesmo ética diante da pior agresión aos dereitos dos traballadores realizada desde o inicio da nova vaga de recortes sociais. Pero simultaneamente é tamén, por outro, unha vaza valiosísima de cara ás eleccións sindicais e municipais. Nas primeiras, é previsible que a CIG consiga o fito histórico de se colocar como primeira central sindical no país, á vista do desgaste que vai supor para UXT e CCOO o proceso de negociación no cal se encontran inmersas. De cara ás municipais, a folga xeral é unha maneira de manter mobilizada a base social do BNG e de apropiarse simbolicamente dun territorio onde o PSdeG sempre tivo unha considerable fortaleza, contribuíndo a alargar a fenda entre a franquicia nacional do PSOE e a súa base social e electoral.

Con todo, non se debe esquecer que a convocatoria electoral do 22 de maio é biface: municipais en Galiza, País Basco e Cataluña; municipais e autonómicas no resto do Estado español. Por tanto, a análise tamén debe ser dúplice. En Galiza, a maioría do PPdeG na Xunta, o ciclo de ascenso xeneralizado da dereita e a incapacidade da oposición parlamentar para formular alternativas conforman un panorama propicio para un descenso electoral tanto do BNG canto do PSdeG, faltando determinar a dimensión de cada un deles e o impacto sobre a distribución do poder municipal, moi especialmente no ámbito urbano. Mentres tanto, no conxunto do Estado español o retroceso do PSOE promete ser entre dramático e devastador, dando lugar a un mapa político monocolor do PP (coas notables excepcións de Cataluña e, noutros termos, do País Basco) e a unha necesidade perentoria de recomposición do PSOE, sometido a presións internas e externas que a medio prazo poden desembocar na creación de novas forzas que compitan electoralmente no espectro da esquerda.

Tentemos aventurar o día 23 de maio en Ferraz: o PSOE en plena conmoción polos resultados da noite anterior, os baróns territoriais pedindo un bode expiatorio e o aparato facendo extrapolacións a unhas eleccións lexislativas xerais. Resulta difícil imaxinar que Zapatero, mesmo despois de blindar o apoio do EAJ-PNB, poida evitar un adianto electoral, aínda máis dada a pouca tradición española de relevos gobernamentais sen previo paso polas urnas. En fin, é moi posible que as eleccións lexislativas españolas se realicen no outono deste ano: de ser así, o impacto do descalabro do PSOE en maio deberá provocar unha recuperación da súa intención de voto como reacción ao avasalador poder territorial do PP, mais en calquera caso tal recuperación será insuficiente para reverter a vitoria do PP e probablemente nin sequera para complicarlle a formación dun goberno estable e monocolor. Porén, tanto o hipotético adianto electoral como a parcial recuperación do PSOE si poden ter repercusións notables sobre as expectativas do BNG, como se verá a seguir.

A convocatoria de eleccións lexislativas españolas no outono fai parte do escenario manexado pola dirección da UPG, que dese xeito tería a escusa perfecta para postergar a Asemblea Nacional até os primeiros meses de 2012, evitando tanto as tensións preelectorais como as poselectorais derivadas do previsible retroceso nas municipais. Sexa como for, a esta altura dos acontecementos resulta evidente -para quen queira ver- que a Asemblea Nacional será de trámite, unha vez superada a convulsa situación xerada na anterior convocatoria e tras colleitar uns resultados electorais negativos pero xestionables, por apelar ao vocábulo de moda na blocoloxía. Unha AN que será de trámite, polo menos, canto á súa resolución, xa que a vitoria da UPG será incontestable en termos cuantitativos; mais na que haberá que despexar, ao menos, dúas incógnitas: (i) se a UPG ofrecerá un pacto que os demais sectores poidan asumir sen se sentiren humillados; e (ii) se os sectores que levan tempo cifrando as súas esperanzas de cambio na seguinte AN e que puxeron nela o seu límite, serán fieis a si mesmos ou -máis unha vez- se deixarán vencer polas inercias conservadoras (e conservacionistas).

O que está absolutamente claro é que non haberá máis mudanzas que aquelas que a UPG acepte ou -mais propiamente- promova, fronte a unha +Galiza desorientada, sen proxecto e sen cohesión; e a un Encontro Irmandiño en permanente indecisión, igualmente pouco cohesionado e incapaz de mudar as dinámicas xerais do BNG. Quen estexa a contar con maiorías alternativas, proxectos de refundación, volta ás orixes ou reparto do poder interno, faría ben en ir refacendo os seus cálculos, porque hai tempo que as fabas están contadas.

O escenario que se perfila de cara a 2012 non deixa lugar a dúbidas: un PP omnipotente en Galiza e no Estado español, disposto a desenvolver o seu programa de hexemonía ideolóxica e recentralización política; un PSOE á deriva, na procura da identidade perdida e da reconexión coa súa base social; e un BNG confortablemente instalado no cultivo da parcela do 10-15%, obrigado mesmo contra a súa vontade a apuntar as armas contra o PP e dirixido hexemonicamente polo sector obreirista da UPG, polo menos mentres a situación de crise se prolongue -e se agudice na súa vertente social, perspectiva que está á volta da esquina.

Para o sector hexemónico no BNG, cumprirase así o mellor dos soños: dentro, fortalecemento da fronte sindical e pax romana na fronte política, unha vez culminado o adelgazamento programado; fóra, un caos no que pensan que poden pescar novos apoios. Claro que, como o paraíso na terra non existe, aínda subsistirá un perigo: Feijoo e a súa capacidade de fogo contra o BNG, aínda máis nun contexto en que o BNG se verá obrigado a facer oposición máis alá dos temas de obrigado cumprimento como pode ser o da lingua. Iso, por non falar nas consecuencias dun dominio político global do PP nas institucións tanto no referente a novos retrocesos sociais como no atinente á privatización de servizos públicos, ao estagnamento autonómico competencial e financeiro e ao recrudecemento da ofensiva contra a lingua e cultura propias do noso país.

Ollando en perspectiva, estas son as conclusións principais no tocante ao BNG:

  1. As catastróficas expectativas electorais autoxeradas, nun deses efectos paradoxais tan comúns en política, provocarán un amortecemento da contestación interna -e mesmo das desercións- a pesar de que os resultados sexan negativos, dando lugar a unha sensación de vitoria ao non se materializaren as piores previsións.
  2. A xestionabilidade dos resultados electorais, os éxitos sindicais e a consolidación da maioría da UPG dentro do BNG constituirán unha validación -para variar, no curto prazo- dunha estratexia deseñada a longo e que determinará o devir do nacionalismo galego ao largo dunha década crucial para o futuro do país.
  3. +Galiza está destinada a desintegrarse durante o próximo proceso asemblear: nin soubo manter a estratexia de tensión fronte á UPG, nin definiu un proxecto autónomo superador das deficiencias que denuncia no BNG pero que son extensibles á propia corrente, nin conseguiu manter a unidade dun grupo no que os que aínda seguen dentro están máis pendentes do seu futuro que do colectivo.
  4. O Encontro Irmandiño vén de facer unha xogada intelixente ao decidir constituírse en partido. Porén, é un movemento de curto alcance, xa que mentres o EI tarda meses en xogar unha peza, a UPG xoga simultáneas; un movemento que só poderá ter algunha repercusión seria se se trata do primeiro paso para facer política fóra do BNG. De feito, non foi máis que unha solución de compromiso entre os que desexan saír xa e os que pensan que esa decisión é ora improcedente, ora prematura. Mentres o EI siga dentro, a fórmula partidaria permitiralle manter a lealdade dos apoios cos que conta, mesmo muito minguados polo pinga-pinga de abandonos; e se finalmente decide saír do BNG, o reforzo organizativo permítelles aos dirixente do EI albergar a esperanza de seren eles quen conduzan e protagonicen o proceso de conformación da alternativa de esquerda nacional galega que haberá de surxir máis cedo ou máis tarde.
  5. A Asemblea Nacional do BNG suporá o pechamento definitivo do ciclo político inaugurado en 2002 e dará lugar a unha hexemonía aínda máis notable da UPG, capaz de desactivar sucesivamente as ameazas representadas por EN, UG, o CoNA, a Alternativa, o EI e +G. Aos demais ficará a gloria de competiren entre si por seren a cabeza do rato opositor ou a perspectiva de emprender unha nova travesía.

Habería que completar o texto facendo unha análise das alternativas posibles, pero iso déixoo por conta do lector. Ou para un outro momento e lugar.

Xan 09

Artigo en “Cadernos de Comunicación e Análise”

Sen clasificar Comentarios desactivados en Artigo en “Cadernos de Comunicación e Análise”

Un artigo meu, breve e leve, analisando o programa lingüístico de Feijoo e dirixido á diáspora galega http://cadernos.blogaliza.org/2011/01/09/o-programa-linguistico-de-feijoo/ Sae publicado nunha nova revista dixital que recomendo encarecidamente, xa que pretende ser un lugar de intercambio de ideas e de articulación da diáspora galeguista.