Feb 22

Explosión de silencio (I)

Galiza, Mundo, Política Comentarios desactivados en Explosión de silencio (I)

Hai algo máis de un mes, comezou unha vaga de movementos populares na beira sul do Mediterráneo. As reivindicacións, as mesmas de todas as revolucións: máis benestar e máis liberdade. Diante de tal escenario, non debería resultar difícil adoptar unha posición política firme e inequívoca.

Na política galega, era esperable que o discurso das sucursais do PP e do PSOE fose inexistente, limitándose a endosar as declaracións (infames e recheadas de hipocrisía, as usual) dos respectivos aparatos partidarios en Madrid. Máis sorprendente -e, por que non dicilo, decepcionante- é a posición pública do BNG, por ser unha forza supostamente de esquerdas, transformadora e comprometida cos movementos populares e de liberación nacional, ben como por manter ao largo da súa historia a énfase na práctica mobilizadora e un discurso internacionalista e anti-imperialista.

Centrarei a miña atención, nas liñas a seguir, nos pronunciamentos públicos do BNG e de cada unha das súas partes a respecto da onda de mobilizacións democratizadoras no norte de África e no Oriente Medio. Para tal, realicei unha recolla exhaustiva -se ben que breve, por forza das circunstancias- de todo o que foi publicado nas súas respectivas webs, e tomo a licenza de comentalo libremente en post aparte.

I. OS DATOS

BNG

  • Tunisia. Sen comentarios.
  • Exipto. Unha nota de imprensa de 5 liñas con declaracións de Guillerme Vázquez polas que Trinidad Jiménez está pensando en pedir dereitos de propiedade intelectual: “agardamos que alcancen satisfacción as ansias populares de democracia e de mellora das condicións de vida” blablablá.
  • Libia. Sen comentarios.
  • Marrocos, Alxeria, Xornania, Bahrein, Iémen… Sen comentarios.
  • Escenario global. Sen comentarios.

UPG (Terra e Tempo)

Máis Galiza, Encontro Irmandiño, Movemento Galego ao Socialismo, Galiza Nova, Mocidade Nacionalista Galega e Isca.

  • Tunisia. Sen comentarios.
  • Exipto. Sen comentarios.
  • Libia. Sen comentarios.
  • Marrocos, Alxeria, Xornania, Bahrein, Iémen… Sen comentarios.
  • Escenario global. Sen comentarios.

II. COMENTARIO

Publicareino mañán, en post aparte.

III. EPÍLOGO GRÁFICO CON DEDICATORIAS

Dedicado ás áreas de relacións internacionais e de comunicación do BNG

Dedicado á militancia crítica disposta a sempre (sempre?) esperar o mellor, contra todas as evidencias



Nov 11

Desde o pasado mes de xuño, varias ONGs veñen reclamando que o Goberno español se adhira á Convención Internacional sobre a Protección de todos os Traballadores Migratorios e dos seus Familiares. Souben desa iniciativa hai un mes, e inmediatamente escribín unha mensaxe dirixida á Presidencia do Goberno de España solicitando a súa ratificación desa convención, que se limita a garantir os dereitos humanos dos traballadores inmigrantes.




O día 22 de outubro, recibín a resposta asinada polo Director do Gabinete, o Sr. José Enrique Serrano Martínez, que en nome do Goberno español achega os seguintes argumentos:

  1. O Goberno español é moi sensible a este tema.
  2. O Goberno español fai grandes esforzos por defender os dereitos dos inmigrantes dentro da Unión Europea.
  3. O “Reino de España” [sic] ten como prioridade aplicar unha política común europea de inmigración.
  4. O Goberno español non ratificará a convención e, por tanto, non se comprometerá co respecto polos dereitos humanos dos inmigrantes, mentres non haxa unanimidade entre todos os Estados membros da UE.

O argumento nº 4 desacredita o expresado no nº 1, pero ademais chama a atención outro aspecto: cada Estado da UE ten o seu propio asento na ONU, polo que non debería haber unha dependencia estrita entre a política común europea e as decisións soberanas de cada Estado. Sobre todo, cando do que estamos a falar é do respecto polos dereitos humanos, un dos puntos esenciais que supostamente fan parte da chamada construción europea e lle dan sentido no plano político. Unha UE en franca regresión en materia de dereitos civís, como o demonstra o feito de que xa en 1977 aprobase un Estatuto Xurídico do Traballador Migrante, mentres que agora non consegue poñerse de acordo para loitar contra as agresivas formas de explotación que con excesiva frecuencia padecen os traballadores inmigrantes.

Máis grave, se cabe, é que un goberno como o presidido por Rodríguez Zapatero, que pasa por ser a vedette da esquerda europea, renuncie a darlle unha protección legal básica aos millóns de traballadores que emigraron a España buscando mellores condicións de vida para eles, as súas familias e as súas comunidades. Con isto, o Estado español fica por debaixo de países do Magreb (Alxeria, Libia ou Marrocos), da África negra (Burkina Fasso, Lesotho, Mali ou Uganda), da Asia Central (Azerbaixán, Kirguizistán ou Tayikistán),  do Oriente Próximo (Siria), da América Latina (Bolivia, Ecuador, Guatemala, Honduras ou México) ou da Europa (Bosnia e Hercegovina, Turquía), entre outros.

Unha vergoña máis para un Estado cuxa cualidade democrática se está a deteriorar preocupantemente. Como demócratas, xentes de esquerdas e cidadáns galegos coñecedores das migracións, debemos esixir unha rectificación completa e articular unha resposta xuntamente cos colectivos que representan as persoas directamente afectadas. Poñémonos mans á obra?