Xan 11

RECTIFICACIÓN

Publicada o día 13-01-11 ás 13:55

Despois dos esclarecementos achegados por Leopoldo Briones, director da Orquesta Gaos, recollidos polo Xornal de Galicia, véxome na obriga moral de rectificar todo o referido á omisión da frase “nazón de Breogán”, feito que deu orixe a este post. As miñas desculpas aos lectores e, moi especialmente, ás persoas ligadas á Orquesta Gaos. En xustiza, mesmo mantendo o post, modifico as referencias a esa institución.

Canto ao ton satírico do post e ás referencias ao mausoleo fraguiano, á ofensiva de Feijoo contra calquera signo de identidade colectiva e en xeral a todo o que non está directamente relacionado coa música, ratifícome no expresado no post.

Grazas a todos os que participastes cos vosos comentarios, moi esclarecedores e ilustrativos, que me axudaron a saber un pouquiño máis de música e sobre todo de prudencia.

*   *   *   *   *

Hoxe inauguráronse oficialmente os primeiros edificios da controvertida Cidade da Cultura. Non falta quen ache ese proxecto un esperpento en si mesmo, pero certamente nin os máis ousados e imaxinativos críticos do megalomaníaco mausoleo fraguiano poderían imaxinar até que punto a convexa estética valleinclanesca estaba destinada a protagonizar o acto oficial de apertura do complexo. A cousa foi máis ou menos así, en palabras de testemuñas presentes: na hora de cantar o himno galego, a coral omitiu a expresión nazón de Breogán; en vez diso, unha gaita fixo un solo onde debería ir a palabra nazón, e a seguir o coro apostillou de Breogáaaan.

Nace así un novo concepto político, superador da obsoleta dicotomía entre sermos unha nación ou unha rexión: somos un tirorí de gaita, un aturuxo, unha arroutada rítmica. Pero como ocorre que as ideas, para circularen e triunfaren, teñen que apelar a un substrato socialmente asentado, considero preferible a denominación ailalelo, que ademais de máis sonora e cordial (e a cordialidade é moi importante nestes tempos, non se esqueza) tamén resulta ser máis practicable no canto por parte das masas. En fin, non somos nada máis -nin nada menos!- que un ailalelo. Porén, non vaia pensar o lector que somos un ailalelo calquera: moi polo contrario, somos un ailalelo con raíces, con denominación de orixe, un ailalelo enxebre, unha fórmula irreproducible por estraños, un ailalelo… de Breogán!

Xa non hai motivo para non aprobar un novo Estatuto cunha fórmula de consenso: el pueblo gallego, fiel á súa historia, defines itself as Breogán’s ailalelo. Xa non se poderá dicir que os galegos vivimos no medio da escada, nin sequera da escala musical: temos unha definición que nos autoidentifica, vello soño fraguiano que se fixo realidade ao mesmo tempo que o seu mausoleo (a repetición do termo non é esaxero retórico: compare quen quixer) abría as portas ao público. Con iso, o Gaiás deixou de ser un monte para virar un oráculo.

*   *   *   *   *

Voltando á infame anécdota do día, seique a coral que perpetrou o himno foi o coro da Orquesta Gaos, entidade con sede en Ferrol, creada en abril de 2009 e que a pesar da súa curta traxectoria xa foi responsable do concerto de inauguración do Xacobeo 2010. Somos un país -perdón, un ailalelo- dado ás coincidencias, desde logo. Unha outra coincidencia do caprichoso destino consistiu en que dous membros da familia real española presenciasen o atentado á dignidade colectiva desta terra, como xa o fora que o 25 de xullo todo o Goberno galego se transvestise conforme aos padróns da máis gritante -berrante, aberrante- moda cañí para recibilos. Apareceren en Galiza membros da Casa Real española e desaparecer calquera mostra da nosa identidade nacional é unha rotina á que, polo que parece, Feijoo e a súa troupe pretenden acostumarnos. A menos, é claro, que sexa todo unha grande coincidencia.

*   *   *   *   *

Relacionada: relato de Manuel Bragado no seu blog