Nov 11

Desde o pasado mes de xuño, varias ONGs veñen reclamando que o Goberno español se adhira á Convención Internacional sobre a Protección de todos os Traballadores Migratorios e dos seus Familiares. Souben desa iniciativa hai un mes, e inmediatamente escribín unha mensaxe dirixida á Presidencia do Goberno de España solicitando a súa ratificación desa convención, que se limita a garantir os dereitos humanos dos traballadores inmigrantes.




O día 22 de outubro, recibín a resposta asinada polo Director do Gabinete, o Sr. José Enrique Serrano Martínez, que en nome do Goberno español achega os seguintes argumentos:

  1. O Goberno español é moi sensible a este tema.
  2. O Goberno español fai grandes esforzos por defender os dereitos dos inmigrantes dentro da Unión Europea.
  3. O “Reino de España” [sic] ten como prioridade aplicar unha política común europea de inmigración.
  4. O Goberno español non ratificará a convención e, por tanto, non se comprometerá co respecto polos dereitos humanos dos inmigrantes, mentres non haxa unanimidade entre todos os Estados membros da UE.

O argumento nº 4 desacredita o expresado no nº 1, pero ademais chama a atención outro aspecto: cada Estado da UE ten o seu propio asento na ONU, polo que non debería haber unha dependencia estrita entre a política común europea e as decisións soberanas de cada Estado. Sobre todo, cando do que estamos a falar é do respecto polos dereitos humanos, un dos puntos esenciais que supostamente fan parte da chamada construción europea e lle dan sentido no plano político. Unha UE en franca regresión en materia de dereitos civís, como o demonstra o feito de que xa en 1977 aprobase un Estatuto Xurídico do Traballador Migrante, mentres que agora non consegue poñerse de acordo para loitar contra as agresivas formas de explotación que con excesiva frecuencia padecen os traballadores inmigrantes.

Máis grave, se cabe, é que un goberno como o presidido por Rodríguez Zapatero, que pasa por ser a vedette da esquerda europea, renuncie a darlle unha protección legal básica aos millóns de traballadores que emigraron a España buscando mellores condicións de vida para eles, as súas familias e as súas comunidades. Con isto, o Estado español fica por debaixo de países do Magreb (Alxeria, Libia ou Marrocos), da África negra (Burkina Fasso, Lesotho, Mali ou Uganda), da Asia Central (Azerbaixán, Kirguizistán ou Tayikistán),  do Oriente Próximo (Siria), da América Latina (Bolivia, Ecuador, Guatemala, Honduras ou México) ou da Europa (Bosnia e Hercegovina, Turquía), entre outros.

Unha vergoña máis para un Estado cuxa cualidade democrática se está a deteriorar preocupantemente. Como demócratas, xentes de esquerdas e cidadáns galegos coñecedores das migracións, debemos esixir unha rectificación completa e articular unha resposta xuntamente cos colectivos que representan as persoas directamente afectadas. Poñémonos mans á obra?