Nov 18

Declaración de intencións
Desamarro pola primeira vez esta humilde nave, que levaba varada na praia de Blogaliza varios meses á espera do momento da súa botadura, e fágoo convidándovos a subir a bordo e compartir a travesía, se como a min vos emociona máis a viaxe que o destino aonde os incertos ventos fagan aportar esta barca, ou se simplemente caístes aquí traídos pola marea do acaso e sentides a curiosidade de dar un paseo e, se cadra, repetir calquera día.

Non sei ler nas cartas náuticas nin nas estrelas, polo que vou avisando que non son un capitán recomendable, mais para compensar tentarei ser ben hospitaleiro en afecto, que non en luxos.

Temas
A miña primeira singradura blogueira iniciouse hai cinco anos, aínda que só neste que comeza a desaparecer polo horizonte me puxen en serio ao blogging para o público xeral. Este blog non pretende ser a continuación de ningún dos anteriores, dedicados a navegacións académicas, familiares e políticas, aínda que garda unha certa relación con algúns deles.

Este será un espazo aberto a calquera persoa que desexe enrolarse na lectura e/ou nos comentarios, no cal pretendo ir embarcando algunhas ideas persoais sobre os asuntos que máis me interesan: política, tecnoloxía, lingua e literatura. En todos eses continentes irei aportando a nave, sen periodicidade fixa e seguindo principios, teorías, modelos… que nin eu mesmo sei cales serán, pero sempre á marxe de doutrinas, dogmas e instrumentos de fe de calquera índole. Vós seredes testemuñas dos erros e, se os houber, dos acertos. Só vos rogo que se os erros foren excesivos, non me tiredes pola borda: solicito a clemencia de ser degradado e poder continuar a viaxe na vosa compañía, con outro capitán, nun outro navío e noutros mares, e a de poder ser eu mesmo quen, chegado o caso, queime nun deserto areal os últimos despoxos deste blog.

Nota lingüística
Na escrita do blog será utilizada a norma lingüística sancionada pola Academia Galega, mais cando sexan publicados materiais académicos, en ocasións estarán redactados nas normas brasileira e portuguesa do galego. Tamén é posible que, se a preguiza non mo impede, faga algúns abstracts en inglés, e quen sabe se en francés e español.