Nov 03

Relacionada: O Brasil despois de Lula (1)

É un lugar-común afirmar que a vitoria electoral de Dilma Roussef é o triunfo do Lula. Isto é radicalmente certo, pero non o é menos que Dilma acumula méritos sobrados para ser considerada moito máis do que unha simple herdeira do capital político de Lula, como ficou de manifesto de maneira notoria na segunda volta da elección presidencial: Dilma asumiu o primeiro plano, enfrontou unha campaña dunha suciedade incomún e saiu vencedora das armadillas colocadas pola oposición política e mediática.

Sempre é complexo resumir oito anos de acción política nunhas liñas, e moito máis cando neles se desenvolveu un proxecto político ambicioso de transformación social. Pero, se hai que arriscar, comezaría dicindo que a era Lula non consistiu só en oito anos de goberno, senón de lideranza. Unha lideranza construída por Lula ao largo de décadas de loita e alicerzada sobre intanxibles como o carisma ou a capacidade de comunicación co pobo, pero ao mesmo tempo superadora do simple populismo esquerdista: polo contrario, Lula ultrapasou todas as expectativas e foi capaz non só de (comezar a) realizar unha mudanza da estrutura de clases do Brasil mediante unha maciza transferencia de renda, senón tamén de colocar no centro da axenda un discurso político baseado en valores éticos como a irmandade cos máis pobres, o respecto á diversidade étnica e a loita contra a corrupción.

Mais, xunto aos indiscutibles logros de Lula, o seu goberno deixou materias pendentes moi relevantes, que Dilma deberá enfrontar. Ninguén como ela coñece os pormenores do poder executivo brasileiro e as prioridades da axenda, xa que durante os últimos cinco anos foi a coordinadora da acción gobernamental desde o seu posto de Ministra-Chefe da Casa Civil (equivalente a un Ministerio da Presidencia con amplas competencias). Haberá que prestar atención aos seus primeiros pasos para saber cales desas reformas entran na orde-do-día da primeira metade do seu mandato: a bonanza económica -garantida pola expansión do mercado interno, a competitividade exterior e o superavit enerxético- danlle a Dilma a oportunidade de establecer as súas prioridades cunha liberdade da que non gozou ningún goberno desde a restauración plena da democracia en 1989.

João Pedro Stédile, líder do MST, xa solicitou a execución da reforma agraria, longamente adiada e que nos gobernos de Lula recibiu un tímido impulso baixo a etiqueta de apoio á agricultura familiar. Outra reforma de grande impacto social é a previdenciaria, ao que hai que unir algunhas de teor económico  (simplificación da estrutura fiscal) e político (racionalización do sistema electoral e partidario).

Dilma Roussef poderá enfrontar eses desafíos desde unha posición de hexemonía social e electoral, e ese é sen dúbida o máis valioso legado de Lula. Se algo deixou claro o recente proceso electoral é que a dereita deberá realizar unha travesía-do-deserto que se prevé conflitiva e, probablemente, duradeira: o partido da dereita conservadora (DEM – Democratas) retrocede espectacularmente, até asentarse en números dunha forza política mediana; e o partido neoliberal (PSDB – Partido da Social Democracia Brasileira) comproba novamente que a época en que conseguía liderar alianzas vencedoras foi unha miraxe, e que unha vez perdida a lideranza de Fernando Henrique Cardoso e roto o monopolio conservador nos medios grazas ás redes sociais, a sociedade brasileira madurou e fíxoo cara á esquerda, na dirección oposta á traxectoria seguida por ese partido. A única boa noticia para o PSDB é que, despois da derrota categórica na 1ª volta das eleccións rexionais (14 de 18 gobernos para a alianza liderada polo PT), na 2ª volta foi capaz de competir e de igualar as forzas (gañando 4 dos 9 gobernos en desputa), nunha típica reacción do electorado brasileiro de fixar contrapesos ao poder do goberno federal.

Porén, quen máis saiu gañando na 2ª volta foi o PT e, moi especialmente, Dilma Roussef. Na 1ª volta, o PT buscou a polarización da campaña mediante un corpo-a-corpo coa oposición: ese factor, unido ao efecto de arrastre de Lula -que abandona o goberno cunha impresionante aprobación do 83% contra só un 3% de rexeitamento- e ás conquistas sociais propiciadas, deulle á alianza gobernamental un resultado extraordinario, que se traduciu nunha vultosa maioría tanto na Cámara dos Deputados como no Senado Federal -logrando, ademais, o descabezamento case completo da vella guarda do PSDB e do DEM- e na maioría dos gobernos estaduais. Mais, ao mesmo tempo, a despolitización da campaña prexudicou a candidata presidencial, abrindo espazo para o crecemento da candidata verde Marina Silva, quen sen dúbida realizou a campaña máis propositiva.

Co Congreso e o Senado baixo control, e cunha dereita que non conseguiu reelexir os seus líderes históricos, Dilma Roussef imprimiulle á 2ª volta un ton máis político, construtivo e voltado para o debate ideolóxico. Saiu triunfadora dese embate e dos cara-a-cara con Serra, a pesar das ciladas plantadas pola oposición política e mediática: ataques ao seu pasado guerrilleiro, utilización da relixión como arma de mobilización conservadora, demonización do PT como esquerda autoritaria e cerceadora das liberdades, debate oportunista sobre a despenalización do aborto, simulación dunha agresión ao candidato José Serra… Ao invés de entrar ao trapo, Dilma dedicou o seu tempo a esmiuzar as súas propostas de goberno, gañando un perfil político propio que lle será moi útil á hora de asumir o comando do goberno o próximo 1 de xaneiro.

É seguro que Dilma continuará as liñas políticas de éxito implantadas por Lula: crecemento económico,  independencia enerxética, redistribución de renda e integración económica -e incipientemente política- rexional. Porén, posiblemente asuma menos protagonismo no escenario internacional, xa que esa é a área na que Lula pretende investir a partir de agora o seu prestixio. En caso de que a coordinación entre ambos continúe sendo tan fluída como até agora, pode ser unha combinación que lle facilite a Dilma centrarse na política interna neste primeiro mandato. Sen esquecer, por susposto, a inxección de protagonismo internacional que lle porporcionará a Copa do Mundo de fútbol que o Brasil organizará en 2014.

*   *   *   *   *

Cunha ampla maioría parlamentar, unha dereita orfa de referentes, as escisións do PT pola esquerda condenadas á irrelevancia electoral e o maior partido brasileiro (o PMDB) incapaz de liderar a articulación de maiorías e preso á alianza co partido fundado por Lula, Dilma ten diante de si un mandato en principio tranquilo e con grandes opcións de optar á reelección con vantaxe. O entendemento con Marina Silva, vía participación da ala máis progresista do PV no Goberno Federal, é o broche-de-ouro que falta para reforzar aínda máis a maior e máis exitosa alianza política progresista que xa se viu no continente americano.

Un último apuntamento: nun proceso electoral tan interesante como o brasileiro, no cal se dirimiu o futuro do país que actúa como motor económico e diplomático da América do Sul, chama moi negativamente a atención que a imprensa internacional -e notadamente, a española- dedicase titulares á elección como deputado máis votado do actor cómico Tiririca -obviando que se tratou dun voto de protesta, tal como a campaña do propio candidato- ou aos resultados obtidos por coñecidos ex futbolistas. Afortunadamente, a pesar deses deslices impúxose a necesidade de realizar análises serias sobre un dos países que hoxe protagonizan a vida económica, política e diplomática a nivel internacional. Non podo evitar preguntarme se, en caso de que o Brasil non fose unha potencia mundial, os medios de masas convencionais ultrapasarían o nivel de análise do chascarrillo. En calquera caso, para iso están a imprensa alternativa e a blogosfera, das que resgato as análises de Carta Maior, Sul 21, o blog do Miro (que di todo o que eu penso sobre a necesidade/oportunidade de profundizar nas mudanzas, polo que a el me remito nese punto) e o blog Conversa Afiada do Paulo Henrique Amorim.