Xan 18

Á altura de marzo de 2009, cun PSdeG que mostrou unha resistencia electoral maior que a do BNG e un PSE-EE en ascenso, resultaba aventurado imaxinar o proceso de descomposición no cal está hoxe inmerso o PSOE. De feito, o BNG negouse durante moito tempo a aceptar que a viraxe do Goberno español do PSOE cara á dereita non era flor dun día, senón un pregamento en toda a regra diante dos grandes poderes económicos: de aí o apoio aos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010 recén concluído, escenificado xa coas primeiras mostras dun incipiente distanciamento do BNG a respecto de Zapatero, de quen fora o socio máis manso e fiel; de aí, tamén, a demora da CIG en facer un chamamento á folga xeral, que finalmente só foi convocada en setembro e de modo conxunto con CCOO e UXT aínda que con mobilizacións por separado, nun adianto da nova estratexia que está prestes a consagrarse o próximo 27 de xaneiro.

Porén, aínda que demasiado tarde como para non contaminarse da sensación social de complicidade coa deriva de Zapatero, o BNG soubo rectificar: dedicou o ano 2010 -especialmente, a segunda metade- a realizar un desmarque radical a respecto do PSOE, concentrando a súa artillaría nese flanco e ignorando o papel de oposición a un PPdeG que dispón de armas o suficientemente poderosas como para contraatacar de maneira fulminante. Cun Zapatero en caída libre e que xa non dispón de máis recursos que a autoinmolación, e nunha situación interna do BNG caracterizada pola inestabilidade, a directriz de centrar a acción política no ámbito sindical compatibilizaba perfectamente os dous eixos de interese do grupo dominante na frente: por un lado, o reforzo da CIG como organización dirixente do nacionalismo; polo outro, a consolidación da maioría da UPG no seo do BNG e do seu papel de dirección política incontestada.

Nese sentido, a convocatoria de folga xeral para o día 27 de xaneiro é un acerto en toda regra, unha desas xogadas en que o xadrecista encontra o movemento que lle dá unha vantaxe definitiva. Por un lado, a folga xeral é unha obrigación política e mesmo ética diante da pior agresión aos dereitos dos traballadores realizada desde o inicio da nova vaga de recortes sociais. Pero simultaneamente é tamén, por outro, unha vaza valiosísima de cara ás eleccións sindicais e municipais. Nas primeiras, é previsible que a CIG consiga o fito histórico de se colocar como primeira central sindical no país, á vista do desgaste que vai supor para UXT e CCOO o proceso de negociación no cal se encontran inmersas. De cara ás municipais, a folga xeral é unha maneira de manter mobilizada a base social do BNG e de apropiarse simbolicamente dun territorio onde o PSdeG sempre tivo unha considerable fortaleza, contribuíndo a alargar a fenda entre a franquicia nacional do PSOE e a súa base social e electoral.

Con todo, non se debe esquecer que a convocatoria electoral do 22 de maio é biface: municipais en Galiza, País Basco e Cataluña; municipais e autonómicas no resto do Estado español. Por tanto, a análise tamén debe ser dúplice. En Galiza, a maioría do PPdeG na Xunta, o ciclo de ascenso xeneralizado da dereita e a incapacidade da oposición parlamentar para formular alternativas conforman un panorama propicio para un descenso electoral tanto do BNG canto do PSdeG, faltando determinar a dimensión de cada un deles e o impacto sobre a distribución do poder municipal, moi especialmente no ámbito urbano. Mentres tanto, no conxunto do Estado español o retroceso do PSOE promete ser entre dramático e devastador, dando lugar a un mapa político monocolor do PP (coas notables excepcións de Cataluña e, noutros termos, do País Basco) e a unha necesidade perentoria de recomposición do PSOE, sometido a presións internas e externas que a medio prazo poden desembocar na creación de novas forzas que compitan electoralmente no espectro da esquerda.

Tentemos aventurar o día 23 de maio en Ferraz: o PSOE en plena conmoción polos resultados da noite anterior, os baróns territoriais pedindo un bode expiatorio e o aparato facendo extrapolacións a unhas eleccións lexislativas xerais. Resulta difícil imaxinar que Zapatero, mesmo despois de blindar o apoio do EAJ-PNB, poida evitar un adianto electoral, aínda máis dada a pouca tradición española de relevos gobernamentais sen previo paso polas urnas. En fin, é moi posible que as eleccións lexislativas españolas se realicen no outono deste ano: de ser así, o impacto do descalabro do PSOE en maio deberá provocar unha recuperación da súa intención de voto como reacción ao avasalador poder territorial do PP, mais en calquera caso tal recuperación será insuficiente para reverter a vitoria do PP e probablemente nin sequera para complicarlle a formación dun goberno estable e monocolor. Porén, tanto o hipotético adianto electoral como a parcial recuperación do PSOE si poden ter repercusións notables sobre as expectativas do BNG, como se verá a seguir.

A convocatoria de eleccións lexislativas españolas no outono fai parte do escenario manexado pola dirección da UPG, que dese xeito tería a escusa perfecta para postergar a Asemblea Nacional até os primeiros meses de 2012, evitando tanto as tensións preelectorais como as poselectorais derivadas do previsible retroceso nas municipais. Sexa como for, a esta altura dos acontecementos resulta evidente -para quen queira ver- que a Asemblea Nacional será de trámite, unha vez superada a convulsa situación xerada na anterior convocatoria e tras colleitar uns resultados electorais negativos pero xestionables, por apelar ao vocábulo de moda na blocoloxía. Unha AN que será de trámite, polo menos, canto á súa resolución, xa que a vitoria da UPG será incontestable en termos cuantitativos; mais na que haberá que despexar, ao menos, dúas incógnitas: (i) se a UPG ofrecerá un pacto que os demais sectores poidan asumir sen se sentiren humillados; e (ii) se os sectores que levan tempo cifrando as súas esperanzas de cambio na seguinte AN e que puxeron nela o seu límite, serán fieis a si mesmos ou -máis unha vez- se deixarán vencer polas inercias conservadoras (e conservacionistas).

O que está absolutamente claro é que non haberá máis mudanzas que aquelas que a UPG acepte ou -mais propiamente- promova, fronte a unha +Galiza desorientada, sen proxecto e sen cohesión; e a un Encontro Irmandiño en permanente indecisión, igualmente pouco cohesionado e incapaz de mudar as dinámicas xerais do BNG. Quen estexa a contar con maiorías alternativas, proxectos de refundación, volta ás orixes ou reparto do poder interno, faría ben en ir refacendo os seus cálculos, porque hai tempo que as fabas están contadas.

O escenario que se perfila de cara a 2012 non deixa lugar a dúbidas: un PP omnipotente en Galiza e no Estado español, disposto a desenvolver o seu programa de hexemonía ideolóxica e recentralización política; un PSOE á deriva, na procura da identidade perdida e da reconexión coa súa base social; e un BNG confortablemente instalado no cultivo da parcela do 10-15%, obrigado mesmo contra a súa vontade a apuntar as armas contra o PP e dirixido hexemonicamente polo sector obreirista da UPG, polo menos mentres a situación de crise se prolongue -e se agudice na súa vertente social, perspectiva que está á volta da esquina.

Para o sector hexemónico no BNG, cumprirase así o mellor dos soños: dentro, fortalecemento da fronte sindical e pax romana na fronte política, unha vez culminado o adelgazamento programado; fóra, un caos no que pensan que poden pescar novos apoios. Claro que, como o paraíso na terra non existe, aínda subsistirá un perigo: Feijoo e a súa capacidade de fogo contra o BNG, aínda máis nun contexto en que o BNG se verá obrigado a facer oposición máis alá dos temas de obrigado cumprimento como pode ser o da lingua. Iso, por non falar nas consecuencias dun dominio político global do PP nas institucións tanto no referente a novos retrocesos sociais como no atinente á privatización de servizos públicos, ao estagnamento autonómico competencial e financeiro e ao recrudecemento da ofensiva contra a lingua e cultura propias do noso país.

Ollando en perspectiva, estas son as conclusións principais no tocante ao BNG:

  1. As catastróficas expectativas electorais autoxeradas, nun deses efectos paradoxais tan comúns en política, provocarán un amortecemento da contestación interna -e mesmo das desercións- a pesar de que os resultados sexan negativos, dando lugar a unha sensación de vitoria ao non se materializaren as piores previsións.
  2. A xestionabilidade dos resultados electorais, os éxitos sindicais e a consolidación da maioría da UPG dentro do BNG constituirán unha validación -para variar, no curto prazo- dunha estratexia deseñada a longo e que determinará o devir do nacionalismo galego ao largo dunha década crucial para o futuro do país.
  3. +Galiza está destinada a desintegrarse durante o próximo proceso asemblear: nin soubo manter a estratexia de tensión fronte á UPG, nin definiu un proxecto autónomo superador das deficiencias que denuncia no BNG pero que son extensibles á propia corrente, nin conseguiu manter a unidade dun grupo no que os que aínda seguen dentro están máis pendentes do seu futuro que do colectivo.
  4. O Encontro Irmandiño vén de facer unha xogada intelixente ao decidir constituírse en partido. Porén, é un movemento de curto alcance, xa que mentres o EI tarda meses en xogar unha peza, a UPG xoga simultáneas; un movemento que só poderá ter algunha repercusión seria se se trata do primeiro paso para facer política fóra do BNG. De feito, non foi máis que unha solución de compromiso entre os que desexan saír xa e os que pensan que esa decisión é ora improcedente, ora prematura. Mentres o EI siga dentro, a fórmula partidaria permitiralle manter a lealdade dos apoios cos que conta, mesmo muito minguados polo pinga-pinga de abandonos; e se finalmente decide saír do BNG, o reforzo organizativo permítelles aos dirixente do EI albergar a esperanza de seren eles quen conduzan e protagonicen o proceso de conformación da alternativa de esquerda nacional galega que haberá de surxir máis cedo ou máis tarde.
  5. A Asemblea Nacional do BNG suporá o pechamento definitivo do ciclo político inaugurado en 2002 e dará lugar a unha hexemonía aínda máis notable da UPG, capaz de desactivar sucesivamente as ameazas representadas por EN, UG, o CoNA, a Alternativa, o EI e +G. Aos demais ficará a gloria de competiren entre si por seren a cabeza do rato opositor ou a perspectiva de emprender unha nova travesía.

Habería que completar o texto facendo unha análise das alternativas posibles, pero iso déixoo por conta do lector. Ou para un outro momento e lugar.

Dec 05

Textos da UPG sobre acción política e estratexia no tocante á lingua

Galiza, Lingüística, Política Comentarios desactivados en Textos da UPG sobre acción política e estratexia no tocante á lingua

Teses do XI Congreso: xaneiro, 2005 Extracto das referencias á acción política e estratéxica no tocante à lingua

2. O nacionalismo, unha ideoloxía ao servizo da transformación social liberadora, do internacionalismo e dos dereitos básicos

2.3. A defensa da diversidade cultural e lingüística

A pluralidade lingüística do planeta é signo inequívoco de progreso, civilización, culturas específicas, cosmovisións particulares. É, con efecto, riqueza, mais non entendíbel como complemento prescindíbel (e, portanto, regulábel ou superfluo), senón como inherente á propia condición humana. O problema non é, xa que logo, a multiplicidade e a variedade, senón a uniformización imperial e totalitaria, hoxe disfrazada de cínica comprensión. Non é o mito da Torre de Babel castigo, senón símbolo da especificidade humana, como xa proclamaba Castelao, en 1937, de modo e maneira que falarmos de Humanidade é falarmos de pluralidade de linguas e de culturas. Ora ben, entendido o multilingüismo como un relaxador psicosocial, como eufemismo do bilingüismo imposto, disimétrico e desigualitario, pode funcionar, talvez, como un recurso terapéutico de consolación ou de autosatisfacción, mais dificilmente resolverá a contradición de tal “necesidade” políglota para uns, cando outros continúan tan ricamente instalados no seu unilingüismo hexemónico e excluínte, eficaz, multiestendido, sen conflitos, nin interquinencias nin turbulencias, sen ruído na súa comunicación. A situación de facto, o bilingüismo absolutamente descompensado e desequilibrado, convértese, así, nun obxectivo desexábel e conquistábel. Perversa maneira de facer da necesidade virtude hipócrita.

Os cánticos á diversidade e á multiculturalidade, para non seren cantos de serea, han de partir, por tanto, dun diálogo en pé de igualdade, do principio de igualdade de oportunidades e, fundamentalmente, da posibilidade certa de que cada lingua poida existir na realidade pragmática, visíbel e audíbel, social e publicamente, no seu territorio e na súa sociedade.

2.4. A posición do nacionalismo a respecto da Unión Europea

No terreo cultural e lingüístico son só linguas oficiais nas institucións da UE as que o son dos Estados, para alén de que a primacía do inglés vaia en aumento.

3. A batalla pola conformación dun estado plurinacional como fundamento dun estado realmente democrático. As necesidades para a existencia material da Galiza

3.2.4. A situación do noso idioma

No presente hipercrítico que vivimos as galegas e os galegos, no tocante ao idioma, continúan vivas dúas necesidades imprescindíbeis para o mesmo: popularización e prestixio. Cómpre moita máis extensión social, moita máis capilaridade na utilización social da lingua. É preciso descer dunha vez da repetición rotineira e letal do enunciado dos usos que o galego xa ten, porque o que importa é perguntármonos polos que aínda non ten, podendo telos, legal e lexitimamente. Compracérmonos co que o galego xa acadou, coas aplicacións tópicas e redundantes, é estupefaciente: obvia ou esquece datos clamorosos de perda de falantes, de estrañamento da mocidade para co galego, de fractura da transmisión xeracional, de ser, aínda, o galego, en tantos ámbitos e interaccións, lingua underground ou simplemente inexistente. A política oficial, após máis de vinte anos de institucionalización autonómica (Estatuto de Autonomía, 1981; Lei de Normalización Lingüística, 1983), raia na culpa delituosa. Non foi só pasiva e desidiosa, senón ilegal a respeito das súas propias prescricións e contraria a calquera intento exterior de mínima galeguización.

Lembraremos que o estúpido ideoloxema do bilingüismo harmónico que, con toda a deliberación, foi consigna da etapa Fraga á fronte da Xunta de Galiza, por sobre ser unha asneira científica ou sociolingüistica, é alleo por enteiro a calquera texto legal. Eles, os textos legais, falan de cooficialidade, de ampararen, protexeren e fomentaren o uso do galego. Ulo bilingüismo? Ula “harmonía” ideal dun suposto metade-metade? Con semellantes políticas á contra, non é de estrañar que chegásemos á situación de encistamento e de penuria en que nos encontramos. Porque, con efecto, a política oficial en materia de normalización do galego (e a das institucións ou entidades paraoficiais que calaron, outorgaron, cobraron desta política e ollaron sempre para outro lado cando reiteramos alarmas e alertas) foi e funcionou como unha auténtica contra. Dela derivan moitos males que caracterizan a situación actual. Mais este diagnóstico non pode funcionar para nos, nacionalistas, como unha permanente coartada xustificatoria que nos leve á pasividade ou á resignación. Na política nacionalista, a lingua e a súa propaganda activa deben volver ocupar a centralidade que sempre definiu o nacionalismo. Propaganda activa, asunto político de primeira orde, recordo permanente, que non se compadecen coa política, tamén practicada por nos, da homenaxe, da efeméride, do ritual e da acomodación biográfico- endogámica. Entre as declaracións vacuas, a política de xestos ou inexistente dos poderes públicos e o nada, hai camiños transitábeis politicamente: non é, en absoluto indiferente conseguirmos, dun curso escolar para o outro, máis docentes en galego; non é indiferente que se galeguicen actividades comerciais ou deportivas, como non o son tantas e tantas outras iniciativas que as e os nacionalistas non debemos confiar só a unha meritísima asociación para que ela, en solitario, faga o que nós non facemos. PP e mais PSOE non se distinguen, mesmamente, polo seu espírito e a súa praxe legal a respeito do idioma. Se nós ignorarmos a utilización da cativa lexislación de que dispomos na dirección favorábel à normalización do galego, estaremos desautorizando a nosa propia historia, condenando ao fracaso tanto traballo acumulado nas décadas inmediatamente anteriores e acomodándonos a un funcionamento que pode conducir, inexorabelmente, á irlandesización do idioma. A política responsábel pasa, portanto, por volver coller as rédeas nesta cuestión e por, dunha forma práctica e constante, procurar espazos de normalidade e de naturalidade para a lingua e para todas as producións culturais que nela se desenvolven.

3.2.5. A situación da mocidade

No que atinxe á lingua, a Xunta segue a incumprir a súa propria lexislación –raquítica de por si– e constátanse evidentes retrocesos, que converten a 20% dos mozos entre 15 e 19 anos en analfabetos funcionais en galego. Os referentes históricos, culturais, sociais, veñen marcados sempre pola españolización.

3.2.6. A situación das mulleres

As mulleres seguen a ser froito dunha discriminación patriarcal que as invisibiliza e as illa do tecido social e do mundo laboral.

A utilización dunha linguaxe sexista exclúe as mulleres, dificulta a súa identificación ou asócias a valoracións negativas. O seu emprego é discriminatorio e parcial, impondo barreiras inxustas ao desenvolvemento persoal e colectivo. Se temos en conta que homes e mulleres temos o mesmo dereito a ser e a existir, cando non se nomea esta diferenza, estamos vulnerando un dos dereitos fundamentais: o da existencia e representación da existencia na linguaxe.

Se queremos avanzar no camiño da efectiva igualdade entre mulleres e homes debemos combater tamén a discriminación na linguaxe. A linguaxe sexista perpetúase a través da historia, da sabedoría popular, da literatura, nos medios de comunicación, a través dos xogos e dos xoguetes, pero tamén nos libros de texto e nos dicionarios. Na UPG todas e todos debemos erradicar do noso comportamento lingüístico expresións e termos susceptíbeis de transmitir estereotipos sexuais para evitar mediatizar as persoas que temos ao noso arredor.

3.3.3. Na área lingüística

O “Plan Xeral de Normalización Lingüística” foi aprobado recentemente (Setembro 2004), por unanimidade, no Parlamento Galego. Para alén de vixilarmos e esixirmos o seu cumprimento e de aplicármolo nós mesmos, no que nos corresponder, eis as medidas mínimas que, xa, calquera goberno galego deberá pór en práctica:

• Aplicar este Plan de Normalización Lingüística inmediatamente, co desenvolvemento decretal e regulamentario que for preciso, en todos os ámbitos de uso que contempla, e con previsión do seu seguimento e avaliación do Parlamento galego.

• Restaurar, de forma íntegra, a toponimia correcta.

• Galeguizar, de forma integral, o funcionamento interno e externo da Administración.

• Garantir a emisión total en galego dos medios de comunicación de titularidade pública, colocándoos ao servizo da exhibición, dignificación e divulgación das producións culturais galegas.

• Garantir a utilización oral e escrita da lingua galega por parte de todos os cargos públicos pertencentes á Xunta de Galiza no desempeño da súa función.

• Estabelecer medidas eficaces que garantan avances cualitativos na asunción da lingua galega como idioma vehicular do ensino, nomeadamente do ensino infantil. Cumprimento do plano xeral de normalización lingüística neste ámbito.


Teses do XII Congreso: novembro, 2008

Reprodución íntegra dos apartados dedicados á lingua

O documento pódese consultar aquí.