Xan 18

Á altura de marzo de 2009, cun PSdeG que mostrou unha resistencia electoral maior que a do BNG e un PSE-EE en ascenso, resultaba aventurado imaxinar o proceso de descomposición no cal está hoxe inmerso o PSOE. De feito, o BNG negouse durante moito tempo a aceptar que a viraxe do Goberno español do PSOE cara á dereita non era flor dun día, senón un pregamento en toda a regra diante dos grandes poderes económicos: de aí o apoio aos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010 recén concluído, escenificado xa coas primeiras mostras dun incipiente distanciamento do BNG a respecto de Zapatero, de quen fora o socio máis manso e fiel; de aí, tamén, a demora da CIG en facer un chamamento á folga xeral, que finalmente só foi convocada en setembro e de modo conxunto con CCOO e UXT aínda que con mobilizacións por separado, nun adianto da nova estratexia que está prestes a consagrarse o próximo 27 de xaneiro.

Porén, aínda que demasiado tarde como para non contaminarse da sensación social de complicidade coa deriva de Zapatero, o BNG soubo rectificar: dedicou o ano 2010 -especialmente, a segunda metade- a realizar un desmarque radical a respecto do PSOE, concentrando a súa artillaría nese flanco e ignorando o papel de oposición a un PPdeG que dispón de armas o suficientemente poderosas como para contraatacar de maneira fulminante. Cun Zapatero en caída libre e que xa non dispón de máis recursos que a autoinmolación, e nunha situación interna do BNG caracterizada pola inestabilidade, a directriz de centrar a acción política no ámbito sindical compatibilizaba perfectamente os dous eixos de interese do grupo dominante na frente: por un lado, o reforzo da CIG como organización dirixente do nacionalismo; polo outro, a consolidación da maioría da UPG no seo do BNG e do seu papel de dirección política incontestada.

Nese sentido, a convocatoria de folga xeral para o día 27 de xaneiro é un acerto en toda regra, unha desas xogadas en que o xadrecista encontra o movemento que lle dá unha vantaxe definitiva. Por un lado, a folga xeral é unha obrigación política e mesmo ética diante da pior agresión aos dereitos dos traballadores realizada desde o inicio da nova vaga de recortes sociais. Pero simultaneamente é tamén, por outro, unha vaza valiosísima de cara ás eleccións sindicais e municipais. Nas primeiras, é previsible que a CIG consiga o fito histórico de se colocar como primeira central sindical no país, á vista do desgaste que vai supor para UXT e CCOO o proceso de negociación no cal se encontran inmersas. De cara ás municipais, a folga xeral é unha maneira de manter mobilizada a base social do BNG e de apropiarse simbolicamente dun territorio onde o PSdeG sempre tivo unha considerable fortaleza, contribuíndo a alargar a fenda entre a franquicia nacional do PSOE e a súa base social e electoral.

Con todo, non se debe esquecer que a convocatoria electoral do 22 de maio é biface: municipais en Galiza, País Basco e Cataluña; municipais e autonómicas no resto do Estado español. Por tanto, a análise tamén debe ser dúplice. En Galiza, a maioría do PPdeG na Xunta, o ciclo de ascenso xeneralizado da dereita e a incapacidade da oposición parlamentar para formular alternativas conforman un panorama propicio para un descenso electoral tanto do BNG canto do PSdeG, faltando determinar a dimensión de cada un deles e o impacto sobre a distribución do poder municipal, moi especialmente no ámbito urbano. Mentres tanto, no conxunto do Estado español o retroceso do PSOE promete ser entre dramático e devastador, dando lugar a un mapa político monocolor do PP (coas notables excepcións de Cataluña e, noutros termos, do País Basco) e a unha necesidade perentoria de recomposición do PSOE, sometido a presións internas e externas que a medio prazo poden desembocar na creación de novas forzas que compitan electoralmente no espectro da esquerda.

Tentemos aventurar o día 23 de maio en Ferraz: o PSOE en plena conmoción polos resultados da noite anterior, os baróns territoriais pedindo un bode expiatorio e o aparato facendo extrapolacións a unhas eleccións lexislativas xerais. Resulta difícil imaxinar que Zapatero, mesmo despois de blindar o apoio do EAJ-PNB, poida evitar un adianto electoral, aínda máis dada a pouca tradición española de relevos gobernamentais sen previo paso polas urnas. En fin, é moi posible que as eleccións lexislativas españolas se realicen no outono deste ano: de ser así, o impacto do descalabro do PSOE en maio deberá provocar unha recuperación da súa intención de voto como reacción ao avasalador poder territorial do PP, mais en calquera caso tal recuperación será insuficiente para reverter a vitoria do PP e probablemente nin sequera para complicarlle a formación dun goberno estable e monocolor. Porén, tanto o hipotético adianto electoral como a parcial recuperación do PSOE si poden ter repercusións notables sobre as expectativas do BNG, como se verá a seguir.

A convocatoria de eleccións lexislativas españolas no outono fai parte do escenario manexado pola dirección da UPG, que dese xeito tería a escusa perfecta para postergar a Asemblea Nacional até os primeiros meses de 2012, evitando tanto as tensións preelectorais como as poselectorais derivadas do previsible retroceso nas municipais. Sexa como for, a esta altura dos acontecementos resulta evidente -para quen queira ver- que a Asemblea Nacional será de trámite, unha vez superada a convulsa situación xerada na anterior convocatoria e tras colleitar uns resultados electorais negativos pero xestionables, por apelar ao vocábulo de moda na blocoloxía. Unha AN que será de trámite, polo menos, canto á súa resolución, xa que a vitoria da UPG será incontestable en termos cuantitativos; mais na que haberá que despexar, ao menos, dúas incógnitas: (i) se a UPG ofrecerá un pacto que os demais sectores poidan asumir sen se sentiren humillados; e (ii) se os sectores que levan tempo cifrando as súas esperanzas de cambio na seguinte AN e que puxeron nela o seu límite, serán fieis a si mesmos ou -máis unha vez- se deixarán vencer polas inercias conservadoras (e conservacionistas).

O que está absolutamente claro é que non haberá máis mudanzas que aquelas que a UPG acepte ou -mais propiamente- promova, fronte a unha +Galiza desorientada, sen proxecto e sen cohesión; e a un Encontro Irmandiño en permanente indecisión, igualmente pouco cohesionado e incapaz de mudar as dinámicas xerais do BNG. Quen estexa a contar con maiorías alternativas, proxectos de refundación, volta ás orixes ou reparto do poder interno, faría ben en ir refacendo os seus cálculos, porque hai tempo que as fabas están contadas.

O escenario que se perfila de cara a 2012 non deixa lugar a dúbidas: un PP omnipotente en Galiza e no Estado español, disposto a desenvolver o seu programa de hexemonía ideolóxica e recentralización política; un PSOE á deriva, na procura da identidade perdida e da reconexión coa súa base social; e un BNG confortablemente instalado no cultivo da parcela do 10-15%, obrigado mesmo contra a súa vontade a apuntar as armas contra o PP e dirixido hexemonicamente polo sector obreirista da UPG, polo menos mentres a situación de crise se prolongue -e se agudice na súa vertente social, perspectiva que está á volta da esquina.

Para o sector hexemónico no BNG, cumprirase así o mellor dos soños: dentro, fortalecemento da fronte sindical e pax romana na fronte política, unha vez culminado o adelgazamento programado; fóra, un caos no que pensan que poden pescar novos apoios. Claro que, como o paraíso na terra non existe, aínda subsistirá un perigo: Feijoo e a súa capacidade de fogo contra o BNG, aínda máis nun contexto en que o BNG se verá obrigado a facer oposición máis alá dos temas de obrigado cumprimento como pode ser o da lingua. Iso, por non falar nas consecuencias dun dominio político global do PP nas institucións tanto no referente a novos retrocesos sociais como no atinente á privatización de servizos públicos, ao estagnamento autonómico competencial e financeiro e ao recrudecemento da ofensiva contra a lingua e cultura propias do noso país.

Ollando en perspectiva, estas son as conclusións principais no tocante ao BNG:

  1. As catastróficas expectativas electorais autoxeradas, nun deses efectos paradoxais tan comúns en política, provocarán un amortecemento da contestación interna -e mesmo das desercións- a pesar de que os resultados sexan negativos, dando lugar a unha sensación de vitoria ao non se materializaren as piores previsións.
  2. A xestionabilidade dos resultados electorais, os éxitos sindicais e a consolidación da maioría da UPG dentro do BNG constituirán unha validación -para variar, no curto prazo- dunha estratexia deseñada a longo e que determinará o devir do nacionalismo galego ao largo dunha década crucial para o futuro do país.
  3. +Galiza está destinada a desintegrarse durante o próximo proceso asemblear: nin soubo manter a estratexia de tensión fronte á UPG, nin definiu un proxecto autónomo superador das deficiencias que denuncia no BNG pero que son extensibles á propia corrente, nin conseguiu manter a unidade dun grupo no que os que aínda seguen dentro están máis pendentes do seu futuro que do colectivo.
  4. O Encontro Irmandiño vén de facer unha xogada intelixente ao decidir constituírse en partido. Porén, é un movemento de curto alcance, xa que mentres o EI tarda meses en xogar unha peza, a UPG xoga simultáneas; un movemento que só poderá ter algunha repercusión seria se se trata do primeiro paso para facer política fóra do BNG. De feito, non foi máis que unha solución de compromiso entre os que desexan saír xa e os que pensan que esa decisión é ora improcedente, ora prematura. Mentres o EI siga dentro, a fórmula partidaria permitiralle manter a lealdade dos apoios cos que conta, mesmo muito minguados polo pinga-pinga de abandonos; e se finalmente decide saír do BNG, o reforzo organizativo permítelles aos dirixente do EI albergar a esperanza de seren eles quen conduzan e protagonicen o proceso de conformación da alternativa de esquerda nacional galega que haberá de surxir máis cedo ou máis tarde.
  5. A Asemblea Nacional do BNG suporá o pechamento definitivo do ciclo político inaugurado en 2002 e dará lugar a unha hexemonía aínda máis notable da UPG, capaz de desactivar sucesivamente as ameazas representadas por EN, UG, o CoNA, a Alternativa, o EI e +G. Aos demais ficará a gloria de competiren entre si por seren a cabeza do rato opositor ou a perspectiva de emprender unha nova travesía.

Habería que completar o texto facendo unha análise das alternativas posibles, pero iso déixoo por conta do lector. Ou para un outro momento e lugar.

Feb 28

O artigo que desatou a tormenta

economía, españa, Política Comentarios desactivados en O artigo que desatou a tormenta

Recollemos neste post a versión en galego da reportaxe publicada o mércores polo Wall Street Journal sobre a economía española e os camiños para saír da crise. A importancia do WSJ no mundo financeiro contribuiu a colocar a economía española no centro da tormenta que percorre a Europa, aínda que outras voces apuntan a Italia como outro dos perigos para o euro entre os Estados centrais da eurozona.

Aí vai o artigo.



O campo de batalla final do euro: España

Grecia fixo soar as alarmas da crise abalando a eurozona. España podería determinar se a moeda dos 16 países sae adiante ou fracasa.

Coa cuarta maior economía da eurozona, España ten unha taxa de desemprego do 19%, unha borbulla inmobiliaria deflacionaria, grandes débedas e un crecente deficit público. O seu produto interior bruto contraiuse un 3,6% no 2009 e espérase unha nova redución neste ano, deixando a España no máis profundo e longo período de crise dos últimos cincuenta anos.

No centro da crise están millóns de españois como Olga Espejo. Esta administrativa de 41 anos de idade perdeu o seu traballo nun laboratorio de Madrid e encontrou un posto substituíndo a alguén que estaba de baixa por enfermidade, até que ese posto de traballo foi eliminado. O seu marido e a súa irmá tamén foron despedidos e fan parte do continxente de 1 de cada 9 traballadores españois que perderon os seus empregos durante os dous últimos anos.

Cada un deles recebe un subsidio de desemprego de ao menos 1.000 € mensuais (equivalentes a uns 1.350 US$) como parte dunha xenerosa rede de seguranza social que Madrid di que non cortará. Pero a prestación da sra. Espejo conclúe en xullo; e a do seu marido, en maio. “Que perspectivas pode ter agora calquera de nós?”, pregúntase a sra. Espejo.

Esta interrogación percorre España e toda a eurozona mentres o continente enfronta a súa maior crise económica desde que en 1999 foi lanzada a moeda común. A preocupación sobre a capacidade de Grecia para financiar as súas enormes débedas espalláronse aos membros máis débiles da eurozona, e eses mesmos temores están agora roendo os calcañares de España. O problema é que, debido en grande medida á súa pertenza á eurozona, España carece de medios comprobados e cribles para cicatrizar as feridas da súa economía.

España non pode devaluar a súa moeda para tornar as súas exportacións máis atraentes e os seus complexos hoteleiros de praia máis baratos, debido a que o valor do euro é comandado pola economía industrial alemá, maior e máis competitiva. Madrid non pode rebaixar as taxas de xuros nin imprimir moeda para estimular o crédito e o gasto, porque tales decisións son tomadas en Frankfurt polo Banco Central Europeo.

España podería tamén tentar estimular o crecemento mediante os recortes fiscais e o incremento do gasto. Pero xa acumulou o enorme esforzo de estímulo mediante o gasto que inflou o seu deficit público até o 11,4% do seu PIB no pasado ano, polo que necesitaría vender máis bonos para conseguir liquidez. Os compradores dos bonos gobernamentais españois, atemorizados pola perspectiva dunha moratoria por parte de Grecia, xa demandaron a Madrid unhas taxas de xuros maiores.

“España é o verdadeiro test para o euro”, segundo Desmond Lachman, do American Entreprise Institute em Washington. “Se España ten problemas serios, será difícil manter o euro para todos… e no meu xuízo, España está en serios problemas”.

España sopesa as súas opcións
Álvaro Leiva para The Wall Street Journal

En Madrid, Olga Espejo, o seu marido Antonio Sacristán e a súa irmá Marisa Espejo foron despedidos. Están entre os 4,3 millóns de desempregados do país.

>O goberno négase a falar de crise. “Os fundamentos da nosa economía son sólidos”, dixo nunha entrevista Elena Salgado, Ministra de Economía española. A sra. Salgado afirmou que o país conta con grandes bancos sans, estatísticas económicas cribles e empresas o suficientemente dinámicas como para manter a súa cota de exportacións. Suliñou que España estaba a rexistrar superavits orzamentarios até que foi atinxida pola crise financeira, e que o endebedamento gobernamental creceu desde un nivel previo moi baixo.

Os pesos pesados da eurozona, Alemaña e Franza, prometeron apoio a Grecia en caso de necesidade. Pero non ofreceron ningunha salvagarda a España, cuxa economía de 1,6 billóns de dólares case duplica a suma da dos socios da eurozona en perigo (Grecia, Portugale Irlanda), o que tornaría a axuda moito máis custosa.

Unha infusión de “shock e intimidación” coa intención de renovar a fe nas finanzas españolas podería ser necesaria e esixiría aproximadamente uns 270 miles de millóns de dólares, de acordo coas estimacións de BNP Paribas. Segundo as estimacións desta fonte, os movementos para recuperar a confianza nas economías grega, irlandesa e portuguesa requerirían de 68, 47 e 41 miles de millóns de dólares, respectivamente.

Algúns observadores cren firmemente que España aguantará os problemas. Emilio Ontiveros, presidente da firma de análise financeira AFI, con sede en Madrid, afirma que xa se albisca a recuperación para o segundo semestre do ano. “Tivemos algo de sorte. Franza e Alemaña, os nosos maiores mercados, están comezando a crecer”, di. Iso sería suficiente para deter o aumento do desemprego bastante alén dno 20%, un nivel co que a España tivo que lidar en datas tan recentes como o final dos ’90.

A maior parte dos economistas ven tres opcións para España. A primeira é que o goberno non faga nada, deixando que a economía suma en anos de alto desemprego e moratorias da débeda. A segunda é que o goberno adopte un papel máis activo, reducindo o gasto e simultaneamente tomando medidas impopulares para impulsar a economía, incluíndo unha ríxida reforma do mercado laboral.

O pasado martes, o responsable do banco central español urxiu a adopción deste camiño durante un discurso no que clamou por unha rápida acción gobernamental para reducir o deficit público e o mercado de traballo. “Se as reformas tardan ou son insuficientes, o noso futuro é sen dúbida preocupante”, en opinión do Gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez.

O sr. Lachman, do American Enterprise Institute, está entre os pesimistas que dubidan de que o goberno poida tomar esa vía. El pensa que a crónica incapacidade de España para retomar o crecemento levará a que unha terceira opción deba ser contemplada: escindir en dous a eurozona retirándose da moeda común. Iso permitiría unha devaluación que incrementaría subitamente a competitividade e permitiría que a economía voltase ao crecemento.

Un punto de vista máis establecido é que ningún goberno, incluído o español, pode facer fronte ao caos financeiro que tal decisión desataría. “É extremamente custoso abandonar o euro”, afirmou Jean Pisani-Ferry do think tank proeuropeo Bruegel, con sede em Bruxelas. No mesmo momento en que un goberno insinúe unha posible devaluación, haberá unha carreira aos bancos e unha moratoria efectiva en todo contrato financeiro europeo con ese país. “O día que comezas a admitir que estás pensando niso, entras nun desastre financeiro”.

O goberno anunciou planos, a comezar polas subidas de impostos e o recorte de gastos este ano para cortar o deficit público até o 3% en 2013, un programa que os analistas financeiros describiron como crible. A previsión é que a débeda pública alcanzará aproximadamente o 74% do PIB en 2012, comparado co 113% que actualmente se rexistra en Grecia e Italia.

Con todo, o Primeiro Ministro socialista José Luis Zapatero atraiu as críticas dos economistas por dicir que enfrontará a crise sen menoscabo dos programas sociais do país.”Iso non é un plano, senón un anuncio”, declarou Lorenzo Bernaldo de Quirós, presidente de Freemarket International Consulting en Madrid. Como resultado, prosegue, os españois aínda non comprenderon que o seu confortable modo de vida, protexido polo Estado, está a piques de cambiar. Os españois aínda “pensan como cubanos e viven como yankees”, afirmou.

Os problemas de España son un reflexo do boom producido despois de que xunto a outros dez países entrase na unión monetaria en 1999. O euro foi concebido para cementar un mercado único europeo que reducise os custos transfronteirizos ao comercio, os investimentos e as viaxes.

En cerca dunha década de vacas gordas, os españois ultrapasaron os italianos e aproximáronse aos franceses en termos de poder adquisitivo dos seus salarios. As compañías españolas de enerxía, de infraestruturas, de servicios e bancarias espalláronse polo mundo afora.

Pero estaban a ser plantadas sementes de futuros problemas. Os salarios españois creceron rapidamente, tornando a economía cada vez menos competitiva. As baixas taxas de xuros europeas, combinadas coa baixa inflación alemá, comezaron a xerar unha borbulla inmobiliaria.

O prezo das casas españolas máis que se duplicou en termos reais na década que rematou en 2008. No seu ápice, un país cunha poboación de 45 millóns de persoas estaba a construír máis casas que Alemaña, Franza e Italia (cunha poboación total de 200 millóns) consideradas conxuntamente.

O mercado inmobiliario español ven sendo lento nos axustes de prezos, probablemente contribuíndo a retardar a recuperación- O Banco de España estima que os prezos caíron un 15% desde o seu punto máis alto, aproximadamente a metade das reducións nos Estados Unidos. “no mercado dos EUA, o día de refacer as contas chegou rapidamente. Em España, foi posposto”, en palabras do sr. Ontiveros, de AFI.

A crise europea da débeda

Os altos e baixos do mercado inmobiliario mostran até que punto o caso da crise española difere da grega. Os economistas sosteñen que os problemas de Grecia proveñen da disipación gobernamental. Pola súa parte, Madrid rexistrou superavits orzamentarios durante anos –pero o sector privado español fixo a farra con gastos financiados en débeda.

A débeda pública e privada española subiu unha media do 14,5% entre 2000 e 2008, de acordo aos datos do McKinsey Global Institute. A débeda total alcanzou a cifra record de 4,9 billóns de dólares a finais de 2008, equivalentes ao 342% do PIB (unha porcentaxe superior á dos EUA e da maior parte das principais economías, con excepción do Reino Unido e do Xapón) da cal que 6/7 son débeda asumida polo sector privado.

McKimley espera que as familias, as empresas posuidoras de títulos e os promotores inmobiliarios se desfagan de débedas, nun “desapalancamento” xeneralizado que probablemnte provocará moratorias e danará o sistema bancario. A maioría dos analistas considera que os problemas do sistema bancario español se concentran nas 45 caixas existentes no país, bancos de aforros rexionais habitualmente dirixidos por políticos locais que frecuentemente apostaron a fondo polas hipotecas inmobiliarias.

As hipótecas impagadas nos bancos e caixas españois estímase que rondan o 5% do total, un 3,2% máis que hai un ano. Santiago López Días, analista dinanceiro do Credit Suisse en Londres, considera que deben devaluarse entre un 30% e un 40%.

Máis ou menos a metade dos 1,3 millóns de casas sen vender que se calcula existiren no mercado están nas mans dos bancos e caixas, que foron remisos a vendelas rapidamente porque non queren rexistrar perdas. As instituciósn financeiras “viraron os maiores axentes inmobiliarios de España”, afirma Fernando Encinar, cofundador de idealista.com, o maior website español de propiedades inmobiliarias.

O goberno tentou forzar as caixas a fusionarse en institucións máis fortes e disponibilizou un fondo para estimular a súa restruturación e reforzar o seu capital. Os analistas agardan que as caixas rexistren grandes perdas este ano que probablemente obrigarán o goberno a dotar de máis diñeiro o fondo.

O desemprego masivo podería ralentizar aínda máis a saída de España da situación de débeda. Mesmo nos bos tempos, o desemprego nunca desceu do 8%. Agora a taxa está batendo no 20% do total e é de case un 45% entre a xente moza, estatísticas que revelan aos ollos dos economistas un mercado de traballo profundamente defectuoso.

Os salarios son definidos a través dun complexo sistema de negociación cos sindicatos, que impoñen aumentos salariais mesmo naquelas empresas cuxos negocios non poden satisfacelos. Debido á inflexibilidade salarial, as compañías españolas só poden recortar gastos laborais mediante o despedimento de traballadores. Mesmo algúns traballadores, contratados nos denominados contratos indefinidos, están firmemente afianzados nos seus postos, en boa medida debido aos 45 días de paga por ano traballado aos que teñen dereito.

Deste xeito, cando a economía entra en declive, os contratados temporais pagan os pratos rotos. Cando as expectativas melloran, as compañías pénsano dúas veces antes de asinaren máis contratos indefinidos.

Isto é un pésimo sinal para Eduardo García, de 55 anos, que facía fila ás portas dunha oficina de emprego recentemente no bairro madrileño de Santa Eugenia. Desempregado por primeira vez, o sr. García traballou 25 anos nunha distribuidora de libros e revistas que pechou as súas portas em novembro. A súa muller e a súa filla de 20 anos tamén están desempregadas. “Na miña idade, será difícil”.

Madrid comprometeuse a reformar o mercado de traballo. Unha proposta reduciría a indemnización para os novos traballadores en 12 días, para deixalo en 33. Fernando Eguidazu, director xeral da asociación Círculo de Empresarios, mantén que Madrid ven evitando un encontronazo cos sindicatos. Manifestacións contra a proposta de elevar dos 65 aos 67 anos a idade de xubilación tiveron lugar em varias cidades españolas o martes e o mércores pasados.

Os sindicatos poderían ofrecer resistencia a novas propostas laborais, di, pero é un paso necesario: “Mentres eles [o goberno] tentan caerlle ben a todo o mundo, estamos perdendo o tempo e a xente e os mercados están perdendo confianza”.

Este sentimento é xa común no mercado de seguros contra unha moratoria española. O prezo para asegurar 10 millóns de euros en bonos españois a cinco anos –que era de só 2.350 € hai tres anos– subiu este mes até os 171.750 € antes de caír aos 125.000 €, segundo a empresa Markit Group Ltd. Este feito tradúcese nun aumento dos custos dos empréstimos para a España, que agora paga uns 0,8 puntos porcentuais máis que Alemaña polo diñeiro a 10 anos.
Nos anos vindeiros, España continuará en grande medida á mercede dos pouco fiables compradores de bonos paar financiar as súas administracións públicas, bancos e empresas. O goberno central asegura que terá que recadar 76,8 miles de millóns de euros neste ano e pagar 35 miles de millóns adicionais polos bonos que vencen.

No medio disto todo, o sr. Bernaldo de Quirós predi que a preocupación dos investidores fluirá e refluirá a respecto do que el denomina “un risco real de moratoria” mentres esperan unha decidida acción gobernamental. “Canto máis tempo perden”, afirma do goberno, “máis devastadores serán os axustes”.

[Texto publicado orixinalmente no WSJ o 24 de febreiro de 2010. Versión galega propia]