Feb 22

Explosión de silencio (I)

Galiza, Mundo, Política Comentarios desactivados en Explosión de silencio (I)

Hai algo máis de un mes, comezou unha vaga de movementos populares na beira sul do Mediterráneo. As reivindicacións, as mesmas de todas as revolucións: máis benestar e máis liberdade. Diante de tal escenario, non debería resultar difícil adoptar unha posición política firme e inequívoca.

Na política galega, era esperable que o discurso das sucursais do PP e do PSOE fose inexistente, limitándose a endosar as declaracións (infames e recheadas de hipocrisía, as usual) dos respectivos aparatos partidarios en Madrid. Máis sorprendente -e, por que non dicilo, decepcionante- é a posición pública do BNG, por ser unha forza supostamente de esquerdas, transformadora e comprometida cos movementos populares e de liberación nacional, ben como por manter ao largo da súa historia a énfase na práctica mobilizadora e un discurso internacionalista e anti-imperialista.

Centrarei a miña atención, nas liñas a seguir, nos pronunciamentos públicos do BNG e de cada unha das súas partes a respecto da onda de mobilizacións democratizadoras no norte de África e no Oriente Medio. Para tal, realicei unha recolla exhaustiva -se ben que breve, por forza das circunstancias- de todo o que foi publicado nas súas respectivas webs, e tomo a licenza de comentalo libremente en post aparte.

I. OS DATOS

BNG

  • Tunisia. Sen comentarios.
  • Exipto. Unha nota de imprensa de 5 liñas con declaracións de Guillerme Vázquez polas que Trinidad Jiménez está pensando en pedir dereitos de propiedade intelectual: “agardamos que alcancen satisfacción as ansias populares de democracia e de mellora das condicións de vida” blablablá.
  • Libia. Sen comentarios.
  • Marrocos, Alxeria, Xornania, Bahrein, Iémen… Sen comentarios.
  • Escenario global. Sen comentarios.

UPG (Terra e Tempo)

Máis Galiza, Encontro Irmandiño, Movemento Galego ao Socialismo, Galiza Nova, Mocidade Nacionalista Galega e Isca.

  • Tunisia. Sen comentarios.
  • Exipto. Sen comentarios.
  • Libia. Sen comentarios.
  • Marrocos, Alxeria, Xornania, Bahrein, Iémen… Sen comentarios.
  • Escenario global. Sen comentarios.

II. COMENTARIO

Publicareino mañán, en post aparte.

III. EPÍLOGO GRÁFICO CON DEDICATORIAS

Dedicado ás áreas de relacións internacionais e de comunicación do BNG

Dedicado á militancia crítica disposta a sempre (sempre?) esperar o mellor, contra todas as evidencias



Feb 16

1925


Preme na imaxe para ver ampliada a lámina de Castelao

2011

62cdafd43a8cd6d6bdd203942a0cb730

Vídeo coas declaracións da concursante galega Marta durante unha emisión
do reality show Gran Hermano (Telecinco)

Feb 14

O pasado venres apareceu nun medio asturiano a seguinte noticia: L’ ALLA convoca la primer prueba de conocencia del gallego-asturiano. Non se trata dun asunto banal, como se pode comprobar no desenvolvemento da información, que esclarece o alcance dos propósitos da ALLA:

Les persones interesaes en contar con esti títulu van ser esaminaes de conocimientos llingüísticos básicos, puesto que la prueba ta estremada dafechu de la que va tener llugar en mayu, destinada a docentes d’Educación Primaria y Secundaria, qu’han d’amosar un nivel más altu pa poder cursar el ‘Curso de Capaticación en gallego-asturiano’.

O que a ALLA pretende é instaurar o seu propio certificado de lingua galega, cuxa posesión sería un requisito imprescindible para o exercicio da docencia de lingua galega na comarca do Eo-Navia: a tal efecto, a ALLA organiza un programa de capacitación de 120 horas (repartidas en tres fases, das cales a segunda xa foi realizada) que segundo consta explicitamente na web institucional da ALLA é a titulación oficial que s’esixe pra impartir el asignatura de Gallego-Asturiano en Educación Primaria y Secundaria.

Un problema científico

Que as fronteiras administrativas non sempre coinciden coas lingüísticas é unha obviedade que non debería facer falta suliñar. Porén, o caso do galego na comarca do Eo-Navia é un caso paradigmático de confusión entre ambos conceptos: só así se explica que, desde hai anos, a ALLA (e determinados grupos políticos) tenten destituir as falas eonaviegas do seu carácter de variedade histórica da lingua galega para pasar a considerala unha peculiaridade da lingua asturiana.

Afortunadamente, a historia da lingüística xa está suficientemente madura como para resolver con suficiente claridade este tipo de cuestións: non hai unha soa autoridade na lingüística románica, un só manual de dialectoloxía, un só paper en revistas de prestixio… que defenda a pertenza das falas eonaviegas ao asturiano, mentres que a súa adscrición ao galego é unánime. Cabe á ALLA a carga da proba, i.e. presentar argumentos, bibliografía e autoridades que permitan sustentar a súa postura, antes de emprender accións que carecen por completo de lexitimidade científica.

Un problema xurídico

A ALLA apóiase para as súas accións no Eo-Navia no criterio territorial, entendido na súa acepción administrativa: xa que as terras eonaviegas son parte da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias, as falas desa zona por forza han de ser asturianas. E, como colofón, todo o que é asturiano entra no ámbito das competencias da ALLA.

A pregunta é simples: e logo, non poderían as institucións asturianas -incluída a ALLA- recoñecer que a lingua falada nas terras do Eo-Navia é unha variedade do galego e promovela como parte do patrimonio lingüístico asturiano, sen para iso terxiversar a historia e a realidade? Poder, poderían, pero non teñen a menor vontade de facelo, xa que á marxe de criterios políticos -nos cales prefiro non entrar- existen outros intereses. No Estatuto de Autonomía asturiano non se fai nin sequera mención á lingua galega falada en parte do territorio desa comunidade autónoma, por un deses feitizos que se tornan contra o feiticeiro: ao non recoñecer a existencia dunha comunidade galegofalante dentro do territorio administrativo gobernado polas institucións autonómicas, créase un vacuo legal á hora de implementar a política cultural desas institucións na zona en cuestión.

Tampouco nos Estatutos da ALLA se recoñece abertamente a existencia de falas galegas en territorio asturiano; ao invés diso, óptase pola ambigua denominación de gallego-asturiano. Así, o artigo 1, letra k dese texto establece como unha das competencias da ALLA: A todos los efectos la ALLA promoverá y velará por la variante lingüística gallego-asturiana o astur-galaica. Esa é a pedra fundacional dun proxecto ideolóxico de consideración desas falas como unha variante lingüística do asturiano, moi a pesar de todas as evidencias e probas científicas en contrario.

Porén, subsiste o problema da capacidade para expedir títulos oficiais. A ALLA posúe esa capacidade só no relativo á lingua asturiana, como preconiza o artigo 1, letra i, dos seus Estatutos: Colaborar en la formación del profesorado específico, en conexión con las instituciones pertinentes y pudiendo expedir certificaciones y documentos acreditativos. Polo tanto, só desde a consideración das falas do Eo-Navia como parte da lingua asturiana sería legalmente aceptable a emisión por parte da ALLA de certificacións e documentos acredidativos do seu coñecemento, xa que en calquera outra interpretación a súa misión limitaríase á defensa e protección desas falas, sen capacidade normativa sobre elas.

Pola súa parte, o Estatuto de Autonomía galego tampouco fai mención do galego exterior ou estremeiro, aínda que si se refere (no seu artigo 7º) ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia, concepto que só nunha interpretación moi laxa podería ser de aplicación no presente caso.

Un problema diplomático

Ocorre que a Real Academia Galega (RAG) conta con membros que representan o chamado galego exterior, i.e. as falas galegas do Eo-Navia, do Berzo, das Portelas e do Val do Ellas. Ao reclamar para si a potestade normativa sobre as falas do Eo-Navia, a ALLA declara as hostilidades coa RAG, que recoñece esas falas como parte do sistema lingüístico galego, e pode provocar un incidente entre os respectivos gobernos autonómicos, aínda máis por ser a ALLA unha entidade dependiente do Consejo de Gobierno del Principado de Asturias. Trátase dunha actitude, no mínimo, provocadora e pouco responsable, que non vai na liña de defender os dereitos dos falantes eonaviegos senón na de aumentar o campo de acción da propia ALLA e de desenraizar eses falantes da lingua á cal historicamente pertencen.

Pero aínda hai máis. É moi discutible que un título conseguido en tres fases cunha duración de 6 días cada unha, que ademais non consta en ningún catálogo oficial e cuxa homologación cun título superior necesita a aprobación estatal, poida presentarse como requisito imprescindible para a docencia. Sobre todo, porque o título de Filoloxía Galega si está recoñecido a nivel estatal, polo que, ao non existir un título equivalente no atinente á lingua asturiana, debería en boa lóxica ser o diploma de referencia para o ensino lingüístico no Eo-Navia, mesmo no caso de que esas falas pasasen a considerarse parte da lingua asturiana. Cousa que, polo demais, só poderá ocorrer -permítaseme o recurso ao humor- se o gremio dos lingüistas se emborracha de sidra.

Urxen respostas

A ALLA tomou a iniciativa, mandando a pelota ao campo contrario. En caso de que non exista reacción, sen dúbida considerará que non encontrará oposición para conquistar o territorio. Hai polo menos tres institucións que deben manifestar claramente a súa posición sobre este conflito suscitado pola ALLA: a Real Academia Galega, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e Ciencia español. Iso, sen contar coas previsibles reaccións que surxan desde os campos académico e social, que seguramente terán algo a dicir neste asunto.